Quen son

Carlos Labraña (Cedeira, 1969), arquitecto técnico de profesión, é un dos dramaturgos máis premiados da literatura dramática infantil galega. Comezou a súa relación co teatro asistindo aos cursos de técnica actoral impartidos pola actriz Fusa Guillén. Xuntos fundarían no ano 1988 o Colectivo Garola, dedicado á difusión do teatro infantil galego. Con este colectivo participou na escrita de numerosas pezas de teatro para nenas e nenos, das que podemos salientar: O segredo de Daniel (1998) e A Escada (1994), ámbalas dúas premiadas na Mostra de Teatro Xeración Nós.

Afastado de Cedeira por motivos laborais, Carlos Labraña comezou a súa escrita de maneira individual ou en colaboración cos seus irmáns Sabela e Antón, con títulos como O teatro dos soñosA viaxe de Farrapos ou Esperta, principiño! Froito da colaboración coa Asociación de Amigos do Samaín na recuperación do tallado de cabazas é a obra Indo para o Samaín, traducida posteriormente ao castelán.

Coa peza Os sons da bugina resultou finalista do premio Meiga Moira de Literatura Infantil no ano 2006. Foi galardoado en dúas edicións co premio Estornela de teatro para nenos con Teatro de Xoguete (2010) e A pequena compaña (2014), e mención de honra con A fraga das árbores das palabras (2012). Tamén recibiu en tres ocasións o premio O Facho de teatro infantil polas obras Espantallo (2013), Moito Morro Corporation, Sociedade Ilimitada (2014) e Estrela…fugaz? (2015)

Participa activamente na promoción do teatro infantil galego a través de diferentes plataformas, como a Asociación de teatro infantil e xuvenil de España (ASSITEJ), de cuxa directiva formou parte, a Asociación de Literatura Dramática Galega (DRAMATURGA), da que é socio fundador, ou a Asociación Galega de Literatura Infantil e Xuvenil (GALIX), na que coordina un grupo traballo para a elaboración da Guía do teatro infantil e xuvenil galego.

Recentemente, fundou a compañía de teatro Os furabolos para levar á escena as súas obras, e na que desenvolve tamén a súa faceta como actor. Estrelamar é a primeira montaxe estreada.