FURABOLO: Persoa que se mete onde non a chaman

Está a nacer en Compostela unha nova iniciativa cultural arredor do teatro para nenas e nenos, Os Furabolos somos un conxunto de xente inqueda procedente de diferentes pólas da cultura, como a escrita, as artes plásticas e as artes escénicas co obxectivo de compartir os nosos coñecementos e traballar en común.

Os Furabolos somos: Paula Castro, actriz e técnica de son; María Xosé Díaz, pintora e artista plástica; Fran Rei, clown, director e actor; Roberto Santaballa, fotógrafo e  Carlos Labraña, dramaturgo.

O noso primeiro proxecto é a montaxe da obra de teatro Estrelamar, que foi estreada en Cedeira o 22 de Nadal. A carón dela fíxose a presentación de dúas pezas máis de Carlos Labraña: Espantallo e O galo de Portugal camiño de Compostela, publicadas pola Editorial Fervenza, e ilustradas por María Xosé Díaz, cuxas ilustracións foron expostas ese día.

Se queredes poñervos en contacto connosco: osfurabolos@carloslabranha.es ou nos teléfonos 646 81 12 81 – 639 48 52 73

A súa andaina teatral comeza asistindo aos cursos de técnica actoral de Fusa Guillén, directora e actriz. Xuntos fundarían en 1988 o “Colectivo Garola”, adicado á creación e montaxe de pezas de teatro infantil. Con este colectivo participou na escrita de varias pezas das que podemos salientar “O segredo de Daniel” e “A Escada”, ambas as dúas gañadoras do “Certame Xeración Nós”. Posteriormente continúa a escrita de maneira individual ou en colaboración cos seus irmás Sabela e Antón, con pezas como “Indo para o Samaín” baseada na festa das cabazas que se celebra en Cedeira; “ Os sons da buguina” finalista do premio “Meiga Moira”; “Teatro de Xoguete” premio “Estornela”,  “Espantallo” premio “ O Facho”.

A súa formación artística procede do debuxo e a pintura, disciplinas nas que se gradúa na facultade de Belas artes de Barcelona. O contacto co mar Mediterráneo e a flora da súa mariña son estímulos fundamentais nos seus debuxos. Na década dos 80, a artista, atraída polo volume e o espazo, decide experimentar coa cerámica tradicional, participando en colectivos de artesán e afastándose do mercado tradicional da arte. Na actualidade, coa ilustración de “O Galo de Portugal camiño de Compostela” e “Espantallo” comeza unha nova etapa relacionada co mundo dos libros, tanto coa creación de Libros- obxecto da súa autoría como ilustrando textos doutros autores, xunto coa creación de escenografía e vestiario de “Estrelamar”.

Paula Castro acada no ano 1996 o título de técnica de son na “Escola de Imaxe e Son” de A Coruña. Ese mesmo ano comeza a traballar na sala NASA en Santiago de Compostela onde toma contacto por primeira vez co mundo do teatro a nivel profesional. A partir de 1997 entra na empresa privada onde participa en montaxes de compañías, das que podemos salientar: Teatro do Aquí fundada por Roberto Vidal Bolaño ou a compañía Mofa e Befa. Tamén traballa na montaxe de concertos e doutro tipo de eventos

Fran Rei é cofundador, pallaso en activo e coordinador da compañía oficial do Festival Internacional de Clown de Galicia (Festiclown) Os Sete Magníficos máis Un, coa que ten participado nun total de dez espectáculos desde o ano 2001. Igualmente, ten traballado noutras compañías de teatro galegas, como Bagunça Teatro, Produccións Desaqueloutrdas e Acontrabutaca. Especialista en clown, desenvolve regularmente obradoiros de iniciación e perfeccionamento desta técnica.